Natalia Umpiérrez
Asistiu a clases de pintura dende os 11 ata os 17 anos, despois estudou Belas Artes e un mestrado en Ilustración e Animación Tradicional, na Universidade de Vigo. Unha vez que inicia os seus estudios na facultade, a súa visión da pintura ampliouse moito e comezou a experimentar con diferentes técnicas artísticas como o collage, a serigrafía ou o cómic, e tamén empezou a facer fanzines cos seus compañeiros de clase. É aí cando o debuxo empeza a cobrar moita importancia no seu mundo creativo. Os seus referentes son moitos e moi diversos pero con predilección polas mulleres: Maruja Mallo, Shary Boyle, Allison Schulnik, Martha Colburn, Jodie Mack, Cristina
Lama...
Sempre lle chamou a atención o grande número de mulleres que hai nas facultades fronte o número de homes e cantas desas mulleres destacaban fronte ós homes. E non falar do ridículo número de mulleres artistas que se estudan nos libros de Historia da Arte. O enorme peso patriarcal que cargamos nas costas fai que dalgún modo as mulleres esteamos condicionadas á hora de ter confianza en nós mesmas e nos nosos traballos artísticos. Cre que todo o movemento de empoderación feminina está conseguindo cambiar moitas maneiras de pensar na sociedade actual e na arte estase vendo reflexado.
O mundo da arte é moi complicado. Ás veces pode chegar a ser desesperante e frustrante, sobre todo á hora de profesionalizarse, pero non hai que desistir. Vivimos nunha rexión onde non se aposta pola cultura, pero grazas ás redes sociais é moi fácil chegar a xente de todo tipo e optar a un grande abanico de oportunidades. Tamén é moi importarte xuntarse con xente que faga cousas: rodearse dun ambiente creativo e sacar adiante proxectos, aínda que xurdan polo amor ó arte, é fundamental. Pensa que dese impulso nace o caldo de cultivo para concibir novas escenas
artísticas.
![]() |
---|